O proxecto documental “Coa terra nas mans” fala do pasado e presente da pataca de Coristanco, e do que supón para a veciñanza o traballo no rural. A peza documental que é o pilar deste proxecto terá a súa preestrea este 21 de decembro no Concello de Coristanco, ante os participantes do documental e membros destacados de diferentes asociacións, empresas e organismos vinculados á Pataca de Coristanco. Despois, o 30 de decembro terá lugar a estrea oficial cara o público na web www.coaterranasmans.com onde poderá visualizarse o documental, pezas temáticas con contidos extra, e poderá accederse tamén aos folletos informativos sobre os apeiros tradicionais de labranza e sobre o ciclo da pataca, xa facilitados aos centros educativos da contorna, na súa versión escrita e de audio.
“Coa terra nas mans” é un proxecto de Tex45 Producións que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Coristanco. No proxecto documental afóndase en qué é a pataca, cómo se traballou no pasado e cómo se traballa agora, e tamén se atreven a adiviñar “cara onde vai”. Durante o ciclo de traballo do 2022, traballouse arreo para documentar o mundo da pataca de Coristanco e da súa festa para producir unha longametraxe documental interactiva, pezas temáticas, pezas promocionais e dous folletos informativos en formato escrito e audio. “Coa terra nas mans” busca recuperar a sabedoría popular (sobre as datas de plantación, refráns, nomes dos apeiros de labranza…) e as lembranzas dos veciños sobre un pasado marcado pola terra, para poñer en valor este patrimonio inmaterial ante os máis novos, e para levar a pataca de Coristanco polo mundo adiante con moito orgullo.