Coristanco acollerá este venres dúas actividades a prol da igualdade polo Día do Orgullo

Edificio de Servizos Múltiples en Coristanco_GOOGLE MAPS

  • Os obradoiros levaranse a cabo no Edificio de Servizos Múltiples en horario de mañá e tarde.

O Concello de Coristanco vén de adherirse á campaña Liberdade de ser e sentir da Deputación da Coruña a prol da igualdade e dos dereitos do colectivo LGTBIQ+. Por ese motivo, e aproveitando que este martes se conmemorou o Día do Orgullo, o Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco acollerá varios obradoiros durante este venres.

Unha das actividades é A vida é de cores! Unha educación alén do branco e negro, un taller sobre diversidades afectivo-sexuais dirixido á rapazada de ata 8 anos. Segundo explican desde o consistorio, o obxectivo é favorecer «o bo trato e os coidados, previr o rexeitamento e o autorrexeitamento por motivos de orientación ou identidade sexual e aprender a poñer límites e expresar os afectos de maneira saudable». Esta actividade, enmarcada dentro dunha programación especial da Deputación da Coruña, será impartida por Sabela Maceira a partir das 17.30 horas.

De xeito paralelo, e no mesmo local, tamén se levará a cabo un obradoiro de promoción da creatividade da xuventude a través dun proxecto social, cultural e educativo ao redor da industria da arte urbana. Este taller será un espazo deseñado para espertar o enxeño, a destreza e a creatividade de mozos e mozas a través da arte do graffismo mediante o cal os rapaces deixarán a súa pegada no que será o Museo da Pataca. A actividade vai dirixida a nenos de 11 anos en diante e desenvolverase de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

En ambos casos será preciso inscribirse chamando ao 651 664 908 ou a través do correo biblioteca@coristanco.gal.