A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias galegas para concienciar sobre o uso seguro do tractor.
A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade. Un dos lugares que acollerá esta campaña formativa na Costa da Morte será o EAFG Fonteboa de Coristanco.
O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario centra a súa primeira campaña á concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.
A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.