Coristanco acolleu un xentío no seu día grande da ‘XL Festa da Pataca’

1 minutes read

O tempo acompañou e había ganas de festa, Coristanco abríase ao mundo de novo tras a pandemia, o programa prometía e na celebración da XL edición consumáronse todas as previsións. Centenares de persoas abarrotaron todos os días o Verxel de Bergantiños, pero o domingo, como era de esperar, Coristanco estivo a rebordar de xente. Xente de todas as idades, porque ademais había actividades e postos de diversión para todas elas. Tras o pregón do televisivo Juan Fuentes, as autoridades presentes, que non eran poucas, e tamén moitas caras coñecidas, prestáronse a facer o percorrido polos postos de venda esparexidos por case todo o centro urbano. A raíña da festa estaba preparada para a ocasión, cociñada ou recien extraída da terra, a pataca case non chegou a nada, vendéronse moitos quilos de Kennebec a uns prezos establecidos en función do tamaño nos 0,80 e 1,20 euros o quilo.

Os tractores antigos, os concursos e degustacións e sobre todo as figuras con patacas sobre as carrozas engalanadas, foron o maior reclamo da festa, con alusións directas á guerra ou á pandemia. O primeiro premio foi para “Axuda a Ucraína”, cun tren simbolizando a fuxida dos refuxiados; o segundo para a figura dun cervo; o terceiro, para Asunción Antelo; o cuarto para “Vacúa Pataqueira”, con xiringa e pulverizador de auga incluída. En quinto lugar quedou a carretilla empuxada por unha traballadora.

Numerosas autoridades, entre os que había alcaldes e conselleiros, acompañaron ao alcalde no día grande da festa, este domingo.