Logo do éxito que experimentou a compostaxe doméstica implantada conxuntamente fai uns meses en Carballo e A Laracha, Coristanco toma agora a iniciativa de implantar este modelo baseado na reciclaxe de restos orgánicos para convertelos en compost. Para realizar dito programa, SOGAMA entregou ao concello 100 composteiros que constitúen unha cesión da empresa pública que ten por obxecto estender as prácticas de autocompostaxe a distintas vivendas unifamiliares do municipio de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo. Debido a COVID-19, suspendeuse o reparto de composteiros, polo que se reanuda o prazo para a solicitude para participar no programa.
Os interesados en solicitar un dos 100 composteiros deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Ter coñecemento do programa de compostaxe doméstica.
- Estar empadroado no Concello de Coristanco, ter segunda vivenda no concello (xustificar) ou ter sede social no Concello.
- Comprometerse a asistir a unha xornada formativa de compostaxe doméstica, na cal se lle entregará o composteiro asignado e un manual de compostaxe.
- Permitir o seguimento do proceso de compostaxe, así como divulgar o resultado.
Os composteiros serán asignados por orde de rexistro de entrada. Para iso o solicitante deberá cumprimentar o formulario “SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA” e entregalo por algunha destas vías:
- Rexistro Xeral do Concello, situado na Casa Consistorial
- Sede electrónica do Concello: https://sede.coristanco.gal/
- Rexistro Electrónico Común (REC): https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do
Crearase unha lista de agarda se houbese máis de 100 solicitudes que se empregará no caso de que SOGAMA cedera máis composteiros ao Concello ou se producira algunha baixa.
