Coristanco asina un convenio coa Xunta para mellorar o abastecemento de auga municipal

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar co alcalde de Coristanco, Juan García, o convenio de colaboración para a mellora do sistema de abastecemento do municipio, que suporá un investimento de máis de 765.000 euros.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará as actuacións nun 80%, achegando preto de 613.000 euros, ao tempo que asesorará á entidade local na execución dos traballos para acadar o funcionamento efectivo da potabilizadora.

O Concello de Coristanto contribuirá ao financiamento do 20% restante e asumirá a execución das obras para a mellora das instalacións de abastecemento municipal.

Este municipio conta desde o ano 1.989 cun sistema de abastecemento que lle dá servizo ao 60% da súa poboación. Debido á antigüidade da estación e ao seu uso intensivo, as instalacións presentan deficiencias e precisan adaptar o seu funcionamento para o cumprimento dos estándares actuais.

A isto súmase que en febreiro produciuse unha avaría na estrutura do falso chan do sistema de filtración que implica unha perda do 50% da súa capacidade e un risco elevado de perder o outro 50% por sobrecarga.

Ante a situación de risco de quedar sen abastecemento municipal, o 17 de febreiro a entidade local declarou a emerxencia das obras de reforma da potabilizadora municipal, ordenando a súa execución no prazo máis breve posible.

Así, o acordo que se acaba de asinar dá resposta á solicitude do Concello de apoio na execución das actuacións necesarias para solucionar as deficiencias das instalacións e poñer fin ás interrupcións no servizo municipal de abastecemento de auga.