O Concello de Coristanco prepárase para dar a benvida ao outono cunha das celebracións máis tradicionais do calendario local: o Magosto. A cita terá lugar o vindeiro venres 30 de outubro, a partir das 18:00 horas, no Polideportivo Municipal de Coristanco, nunha xornada pensada para o goce e a convivencia de toda a veciñanza.
Co obxectivo de manter vivas as tradicións populares e ofrecer un espazo de lecer familiar, o Concello organiza unha completa programación que inclúe a degustación das clásicas castañas asadas xunto cun chocolate quente para acompañar a celebración.
Unha festa para toda a familia
Ademais, a rapazada poderá desfrutar tamén dunha tarde de diversión grazas á instalación de inchables para que gocen da xornada ao grande nun ambiente tanto seguro como festivo.
Esta celebración preséntase como unha oportunidade perfecta para reunir á comunidade, estreitar lazos veciñais e gozar dunha tarde de outono en boa compañía, poñendo en valor o patrimonio cultural e festivo do municipio.
Desde o grupo de goberno animan a toda a veciñanza “a participar desta festa tradicional e desfrutar dun espazo de encontro para todas as idades, cque combina tradición, gastronomía e lecer”.
