- A mostra inaugurarase este domingo ás 12 horas no edificio de servizos múltiples
Este domingo 11 de abril é o Día Mundial do Párkinson, e desde o Concello de Coristanco sumaranse á súa conmemoración coa inauguración da exposición de Carmen Méndez. Será a partir das 12:00 horas no edificio de servizos múltiples. A mostra é «unha viaxe interior que inmortaliza a realidade dunha persoa que padece esta enfermidade neurolóxica, crónica e neurodexenerativa», sinalan desde o goberno local.
Cada traballo irá acompañado dun breve texto que alude aos sentimentos e pensamentos dunha persoa diagnosticada de párkinson, os seus medos e incertezas, ademais de visibilizar o xeito no que a autora afrontou a súa nova realidade. A exposición poderá verse ata o 16 de abril de 09:00 a 15:00 horas.
O Concello segue así a liña argumental do proxecto “Reflexións en voz alta”, iniciado en febreiro de 2020 co obxectivo de crear un espazo de encontro no rural para a creación e difusión da arte dende unha perspectiva humana.