Coristanco contará con dous novos treitos de senda na estrada AC-552


No primeiro dos tramos, duns 800 metros de lonxitude, no final da senda que vén de Carballo e no inicio da beirarrúa próxima ao centro comercial Carrefour, xa existen partes de sendas de nova execución e outras nas que que hai que renovar ou ampliar a beirarrúa existente e eliminar obstáculos, de xeito que o proxecto permitirá acadar un itinerario continuo accesible. Por outra banda, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria, prevese unha leve modificación nunha curva existente ao longo dese treito.

No núcleo de Bormoio executarase o segundo dos tramos pola marxe dereita da AC-552, duns 560 metros. Ao final das beirarrúas de Agualada e o punto de acceso ao cemiterio de Agrilloi construirase unha pasarela ou ampliación de estruturas no seu paso polo río Calvar. Levarase a cabo unha ampliación da ponte mediante un voadizo que permita a integración na plataforma do espazo necesario para a implantación da nova senda peonil.

O Concello realizou achegas no período de información pública que xa non era posible incorporar ao proxecto, pero que serán analizadas e, no seu caso, executadas o desenvolvemento das obras, como a conexión co sendeiro de madeira que o Concello promoveu no rego da Balsa.
A previsión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é convocar o levantamento de actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro semestre, e iniciar os traballos na segunda metade do ano. A actuación ten un prazo de execución de 8 meses.
A intervención supón seguir avanzando no Plan de sendas da comarca de Bergantiños, no que 6 dos itinerarios previstos nunha primeira fase están xa en servizo e practicamente finalizada tamén a senda entre Carballo e Coristanco, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.