Coristanco e Carballo estarán unidos por unha senda a finais deste ano


Así o avanzou este mércores a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha visita ás obras do novo itinerario peonil e ciclista que unirá Carballo con Coristanco e que conta cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle, xunto cos alcaldes de Carballo e de Coristanco, Evencio Ferrero e Juan Carlos García, respectivamente, sinalou que estas obras, que comezaron a finais de abril e teñen un prazo de 8 meses, consisten na execución dun itinerario de uso compartido, para peóns e para ciclistas non deportivos, na estrada AC-552. Para lograr unha convivencia máis harmónica entre todos os usuarios da estrada, proxéctase unha senda de 2,5 km que, desde a saída de Carballo, rematará onde se inician as beirarrúas de Coristanco.

Un treito de senda pola marxe esquerda contará con case 1,9 km desde a saída de Carballo ata a beirarrúa de Montecelo, continuando ata o núcleo de Coristanco. Pola dereita, habilitarase un tramo de 600 metros que irá ata a fábrica de Calvo. O itinerario contará cun ancho suficiente para garantir desprazamentos cómodos e seguros: 2,5 metros de ancho, sobreelevado sobre a estrada e separado da vía por bordos e unha franxa verde de ancho variable en función do espazo dispoñible.

Tamén se executará unha pequena pasarela para dar continuidade ao itinerario sobre o río Grande, adosada ao viaduto existente para minimizar as afeccións na contorna. Ademais pavimentarase a senda e executaranse obras de drenaxe das augas pluviais e dalgúns servizos en previsión de futuras canalizacións, aínda que o Concello de Carballo xa levou a cabo unha obra de renovación dos servizos, previa á execución do itinerario.

Plan de sendas

A titular de Infraestruturas e Mobilidade comprometeuse a seguir traballando en novos proxectos para reforzar a seguridade das estradas, como o itinerario do Couto, en Ponteceso; os de Soesto e Serantes, en Laxe; ou a senda que dará continuidade á visitada este mércores e que chegará ao centro comercial de Coristanco.