Coristanco inicia as obras do novo local social de Santa Baia-Castro e remata a mellora de nove centros sociais

1 minutes read

O Concello de Coristanco anuncia o comezo das obras do novo local social de Santa Baia-Castro. A actuación arrincou cos traballos de acondicionamento do terreo e coa construción da plataforma sobre a que se instalarán os módulos de madeira que conformarán o futuro local.

A edificación, de 100 metros cadrados de superficie, construirase baixo criterios de alta eficiencia enerxética e baixa pegada de carbono, e contará con sistemas de xeración de enerxía renovable.

A actuación conta cun orzamento total de 265.649,22 euros e está financiada co apoio da Deputación da Coruña, a través do Plan de Obras e Servizos (POS+ 2024), cunha achega de 221.602 euros.

OBRAS DE MELLORA NOS CENTROS SOCIAIS

Por outra banda, o Concello de Coristanco vén de rematar as obras de mellora nos centros sociais de Cereo, Valenza, Xaviña, Seavia, Oca, Rececinde, Agualada, Cuns e Couso.

Os edificios presentaban deficiencias propias do paso do tempo e precisaban actuacións de mellora. Así, aproveitouse para adaptalos, nos casos necesarios, á normativa en materia de accesibilidade e eficiencia enerxética.

Esta actuación contou co financiamento da Deputación da Coruña, con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS+ 2025), e tivo un orzamento de 162.708,70 euros.

Ademais, o Concello de Coristanco está a executar un pequeno proxecto de mellora da acústica do local social de Oca, que desde o ano pasado acolle con moito éxito a actividade de baile para as persoas maiores, todos os sábados desde o mes de outubro.

Trátase dunha actuación cun investimento superior aos 18.000 euros, coa que se pretende adaptar o local para acoller actuacións musicais.