O Concello de Coristanco vén de aprobar, en sesión plenaria extraordinaria, o POS+adicional 2B/2026 da Deputación da Coruña, destinado a mellorar a rede viaria e de saneamento municipal. O acordo contou con luz verde cos votos a favor Partido Popular e abstención do Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista.
Este plan provincial, que conta cun investimento total de 957.081 euros e adica o 85% a investimentos en obras e servizos, distribúese en cinco proxectos de obra, dous deles xa incluídos no POS adicional 2/2026 por importe de 371.911,76€ e que neste momento se atopan en trámite de contratación. Estes son o proxecto técnico de rede de saneamento en Furoca e ampliación na de Feiranova e o proxecto técnico de execución de instalación de pluviais e firme do vial dende o Outeiro ata o Pedrouzo, na parroquia de Xaviña.
Ademais, compre destacatar outras tres actuacións, por valor de 444.233,37 euros, como son o proxecto técnico de reurbanización de cruceiro de Oca a desvío a Codesido; o proxecto de reurbanización na praza da casa consistorial; e o proxecto de mellora da capa de rodadura nas parroquias de Traba, Seavia, Oca e Agualada.
Máis de 140.000 euros para mellora da rede viaria e adecuación de zonas verdes
O acordo tamén recolle destinar a gasto corrente un total de 140.935,95 euros, que se incorporarán a partidas para mellorar a rede viaria do municipio, o acceso a núcleos, así como a mellora e adecuación de parques e zonas verdes.
O alcalde, Juan Carlos García Pose, destacou que a aprobación deste POS Adicional “dará continuidade á mellora das infraestruturas do noso municipio e supoñerá un paso importante para levar a cabo obras e actuacións necesarias e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.
