O Concello de Coristanco, a través da Biblioteca Municipal e dentro do Programa Xermolar de Conciliación Municipal, organiza con motivo do Día das Bibliotecas a iniciativa “Esperta na Biblioteca!”, un espazo de literatura, misterio e diversión onde a rapazada de 6 a 12 anos do municipio vivirán algo único: unha noite máxica entre libros na Biblioteca Municipal.
Os nenos e nenas poderá gozar dun compendio de actividades durante esta xornada pensada para fomentar o gusto pola lectura, estimular a imaxinación, compartir experiencias e crear recordos únicos.
A actividade comezará o venres 23 de outubro, ás 19:30 horas ,coa acollida dos pequenos aventureiros e aventureiras.
A continuación, desfrutarán do escape room “Os misterios da biblioteca” (do programa “Ler Conta Moito”), no que deberán resolver enigmas e superar desafíos.
Tras a cea, terá lugar o espectáculo “Marabillas” con Raquel Queizás (a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña) unha viaxe para os peques poidan deixar voar a súa imaxinación e onde descubrirán que as historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras.
Antes de durmir entre libros e pasar unha noite inesquecible, os nenos e nenas compartirán xogos e dinámicas de convivencia.
Ao día seguinte, os nenos cargarán as pilas antes de voltar ás súas casas cun almorzo compartido. A hora de recollida está prevista para as 9:30 h.
Para participar nesta actividade, que conta con 30 prazas dispoñibles, será imprescindible estar previamente inscrito/a no Programa Xermolar de Conciliación Municipal.
O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, 13 outubro, e ata o 16 de outubro e as persoas interesadas poderán anotarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica. As familias deberán presentar a solicitude e as autorizacións correspondentes. A confirmación das prazas comunicarase a través dos datos de contacto facilitados.
As persoas participantes deberán traer o seu material persoal para pasar a noite. A listaxe completa figura nas bases da actividade.
Desde o grupo de goberno “animan ás familias do municipio a participar nesta iniciativa que xa contou cunha gran acollida na pasada edición de ‘Durmindo entre Contos’”.
“Esta proposta busca fomentar a lectura, estimular a imaxinación e que os nenos e nenas poidan compartir experiencias e descubrir a biblioteca e o mundo literario dunha maneira diferente, divertida e participativa”, engaden.
