O Concello de Coristanco vén de rematar as obras dos novos sistemas de saneamento autónomo, que darán servizo aos núcleos rurais de Amboade, na parroquia de Seavia, e de Rial, na parroquia de Cuns, e permitirán eliminar as verteduras de augas residuais ao río.
A poboación destes núcleos, un total de 33 habitantes repartidos en 21 vivendas, poderá dispoñer agora do servizo de saneamento municipal.
A solución adoptada para os sistemas de saneamento autónomo é a mesma nos núcleos de Rial e Amboade. As actuacións consistiron na instalación dunha fosa séptica, complementada cunha reixa de desbaste e unha trampa de graxas como elementos de tratamento previo, así como dun leito de infiltración no terreo.
O investimento nesta actuación contou cunha achega de 40.000 euros de Augas de Galicia, ao abeiro das subvencións destinadas a sistemas de depuración autónomos.
Outras obras de saneamento
O Concello de Coristanco lembra que estas actuacións se suman ás executadas recentemente nos núcleos de Carantos, Podrizo, Nogueira e Rodeiro.
Por outra banda, o Goberno local destaca outros proxectos en materia de saneamento, como a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Costa do Carrizal, a rede de saneamento da Furoca e a ampliación da de Feiranova, así como a instalación da rede de pluviais e a mellora do firme entre Outeiro e Pedrouzo. Estas actuacións están adxudicadas ou en fase de licitación e contan cun investimento previsto de 457.524,04 euros.
O Goberno local lembra tamén outras obras en marcha, como a construción do centro sociocultural de Santa Baia de Castro; as melloras da capa de rodaxe en Oca e Agualada; o cambio da cuberta, a mellora da accesibilidade e o pintado dos muros exteriores do campo de fútbol Manuel Vecino; a instalación da calefacción na Casa do Concello; a construción da senda peonil e a mellora das instalacións urbanas entre Rabadeira e Seavia, así como a mellora da capa de rodaxe nos accesos a Salgueiras e Bormoio, no núcleo da Serra, en Lestón-A Serra, Pousada, A Furoca, A Igrexa, A Torre, Cereixa e Salgueiras, e nos núcleos de Amboade, Carantos, Codesido e Campolongo.
