O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitou o concello de Coristanco e reuniuse co seu alcalde, Juan Carlos García Pose, para facer balance de cinco anos de Plan Único de concellos que achegou ao municipio un total de case 5,5 M€ desde a súa primeira aprobación en 2017 até a actualidade.
Ambos mandatarios asistiron á recepción do tractor triturador financiado con fondos provinciais que suporá un importante avance nos labores de desbroce e mantemento das vías municipais. Na xornada, tamén visitaron distintas vías e as instalacións do CPI alcalde Xosé Pichel que foron melloradas a través de plans de cooperación coa Deputación da Coruña.
Xosé Regueira destacou o resultado da aplicación do Plan Único de Concellos que, segundo dixo, supón «unha nova maneira de cooperación municipal que mostra, como estamos a ver en Coristanco, que son os concellos os que con máis claridade poden detectar as urxencias e necesidades e procurar investir os orzamentos na mellora da calidade de vida da veciñanza».
Pola súa parte, o alcalde, Juan Carlos García Pose, quixo destacar o papel da Deputación da Coruña no desenvolvemento de proxectos en concellos pequenos xa que, segundo dixo, «sen esa colaboración non se poderían afrontar iniciativas e melloras necesarias que realizamos con orzamento provincial». Neste sentido, sinalou que «só no ano 2020 en Coristanco contratáronse proxectos a través de plans provinciais por valor de 1.440.000 euros o que supón un orzamento moi importante para un concello da nosa dimensión».