A alerta foi pasada polo 112 Emerxencias Galicia a 1.30 horas da madrugada deste domingo por un incendio que afectou a un depósito de aceite de máquinas. Unha forte explosión seguida dunha bóla de fume foi o que en primeira instancia puideron escoitar e ver os veciños próximos ao lugar da Braña (Erbecedo), Coristanco, sede da firma Unión de Empresas Madeireiras (Unemsa).
Tras o aviso pasado polo 112 ao momento desprazáronse a Garda Civil e varias dotacións de Bombeiros de Carballo e Ponteceso. Solicitouse tamén a intervención da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Coristanco e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademais, informouse ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia. Os bombeiros empregaron máis de tres horas en arrefriar o depósito afectado no que se alcanzaron temperaturas superiores aos 200 graos, polo que segundo informaron nun comunicado necesitaron 21.000 litros de auga para tratar de estabilizalo.
Por sorte, non houbo que lamentar persoas feridas no incidente. Cabe lembrar que neste tipo de instalacións adóitase traballar con serrín e con aceites térmicos a temperaturas moi elevadas, ademais de caldeiras con acumulación de calor, causa pola que xa noutras ocasións se paralizaba a industria ao incendiarse materiais que ademais complican moito as tarefas de extinción.