O Concello de Coristanco presenta unha ampla e variada programación de actividades para este verán, dirixida a fomentar o deporte, a conciliación familiar e o aproveitamento do tempo libre de maneira lúdica e educativa, tanto para a mocidade como para as persoas maiores.
Apertura da Piscina Municipal da Rocheira
Xa está en funcionamento a Piscina Municipal da Rocheira, un espazo pensado para refrescarse e gozar do verán nun entorno natural privilexiado. O horario de apertura será de 15 a 20.30h de luns a domingo, normas de acceso e tarifas están dispoñibles nas canles oficiais do Concello.
Campamentos deportivos e multiaventura
Durante os meses de verán, a mocidade de Coristanco pode participar nos Campamentos Deportivos e nos Campamentos Multiaventura, ambos deseñados para fomentar hábitos saudables, o traballo en equipo e o respecto polo medio natural.
As actividades inclúen rutas de sendeirismo, xogos cooperativos, deportes variados, e tamén saídas e excursións a contornas naturais e culturais da zona, converténdose nunha experiencia enriquecedora para os máis novos.
Campamento de Conciliación da Rocheira
Pensando na conciliación da vida laboral e familiar, o Concello puxo en marcha un Campamento de Conciliación na área recreativa da Rocheira, que ofrece un espazo seguro e dinámico para que os nenos e nenas se divirtan mentres as familias poden organizar mellor os seus horarios. As actividades están adaptadas a distintas idades e promoven a creatividade, o xogo libre e o respecto ao entorno.
Obradoiros na Biblioteca Municipal
Este verán, a Biblioteca de Coristanco tamén se enche de vida con dúas propostas culturais e educativas pensadas especialmente para persoas adultas e maiores:
“Tecendo recordos, transformando vivencias”
Todos os venres de 10.30 a 12.30 h, un espazo de encontro interxeracional onde compartir historias de vida, traballar a memoria e dar forma a lembranzas a través da palabra e a creatividade.
“Almorzo entre libros”
Todos os mércores de 10.30 a 11.30 h, unha actividade matinal que combina lectura, conversa e escritura creativa arredor dun pequeno almorzo, fomentando o pracer da lectura e a dinamización cultural da terceira idade.
Desde o Concello de Coristanco convidan a toda a veciñanza a participar destas iniciativas que apostan polo benestar, a cultura, o deporte e a cohesión social. A programación completa e os formularios de inscrición están dispoñibles na web municipal e nas redes sociais.