Corme acolle esta fin de semana o Mercado Artesán “Marusía”

Acto de presentación_Cedida.

Durante esta primeira fin de semana de agosto instalarase en Corme o Mercado Artesán “Marusía”. Despois do éxito da edición anterior, Mulleres do Pobo, en colaboración co Concello de Ponteceso, a Asociación de Veciños e a hostelería de Corme volve organizar este evento con diversas actividades para todos os públicos espalladas por diferentes puntos da vila.

Este martes, Mulleres do Pobo presentaron a programación acompañadas do alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido. Rakelua, Artesá do Coiro anima a todo o mundo a visitar o Mercado e gozar da artesanía e da música tradicional. O alcalde de Ponteceso valora de maneira positiva “esta acción creativa tan forte que vencella a artesanía, a música galega e toda a forza emprendedora das mulleres” e agradece a todas as entidades e á Asociación de veciños a súa participación. Carballido considera que despois de tres edicións, “Marusía xa é un auténtico referente na Costa da Morte”.

O sábado (6 de xuño) ás 11.00h abrirá o mercado. Un pouco máis tarde, ás 12.00h será a quenda do pregón e das Pandereteiras do Roncudo. Logo, haberá un espectáculo dos Viqueiras e cabezudos ás 13.00h.

Xa pola tarde, actuará Koko Zancudo ás 18.00h, haberá unha mexillonada na praza da Ribeira-Millo Miúdo Gaiteiros arredor das 19.00h. Ás 19.30h, Xa Era Hora Gaiteiros e, pechan a xornada cun concerto, Maghúa.

O domingo (7 de agosto) abrirá o mercado ás 12.00h. Media hora máis tarde, haberá unha clase de ioga á beira do mar, na praza da Ribeira. A mediodía actuarán O Son do Castro Gaiteiros e Cé orquestra Pantasma. Pola tarde, ás 18.30h tocarán Maruxía Gaiteiros e, para pechar a fin de semana, na praza da Ribeira ás 20.00h, “A vida tola” Pajarito.