Corme, pioneiro na posta en marcha dunha pista de pádel pública

1 minutes read

Corme convértese nun lugar de referencia para as persoas afeccionadas ao deporte coa posta en marcha de dúas instalacións pioneiras na contorna: unha pista de pádel, a primeira de titularidade pública da zona, e un circuíto de calistenia. O Concello de Ponteceso realizou un investimento próximo aos 50.000 euros.
Para a construción da pista de pádel contou coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, que financiou as obras integramente. A creación desta nova instalación, situada xunto ao pavillón municipal de Corme, vén reforzar o compromiso do actual goberno local co deporte para promover hábitos de vida saudables e atender as novas necesidades e demandas da veciñanza, incrementando así a actual oferta deportiva municipal.
Na mesma liña, o Concello de Ponteceso vén de habilitar tamén en Corme un circuíto de calistenia, que favorece a práctica do deporte ao aire libre mediante a utilización de aparatos básicos de adestramento.
O alcalde, Lois García Carballido; a concelleira de Deporte, Raquel Fondo, e o concelleiro de Obras, Miguel Ángel González, que realizaron unha visita ás instalacións para comprobar o resultado final, amosaron a satisfacción do goberno municipal por poder poñer a disposición da veciñanza estas novas instalacións, que veñen dar resposta a unha demanda social e que contribuirán ao fomento da práctica deportiva entre os diferentes sectores da poboación.
As novas instalacións xa están a disposición da veciñanza. Para a utilización da pista de pádel elaborouse un regulamento provisional.
Como solicitar o uso da pista de pádel:
• Por vía electrónica: ponteceso.gal (sede electrónica)
• Nas oficinas municipais
• No pavillón polideportivo de Corme