Ata o día 5 de xaneiro, os nenos e nenas que o desexen poderán depositar as súas cartas para Papá Noel e os Reis Magos na caixa de correos máxica que Correos instalou a oficina postal de Carballo.
Ademais de fomentar o espírito do Nadal, esta iniciativa de Correos tamén pretende fomentar a práctica da escritura entre os máis pequenos da casa.
Por iso, este Nadal, nas oficinas de Correos con caixa de correos especial e a través de Correos Market, tamén se poderán conseguir “packs máxicos” que conteñen cartas para escribir os desexos, sobres especiais e adhesivos con motivos do Nadal para decoralas e que chamen a atención dos seus ilustres destinatarios.
Ademais, poderanse adquirir “selos máxicos” personalizados coa figura de Papá Noel e dos Reis Gaspar, Melchor e Baltasar en todas as oficinas de Correos e en Correos Market.
Correos leva 30 anos celebrando o Nadal con caixas de correos especiais para recoller os desexos dos nenos e nenas e encargarse de entregarllos directamente aos seus destinatarios en Laponia e en Oriente.
Tamén este Nadal os equipos de voluntarios e voluntarias de Correos volverán achegarse a varios hospitais de España a recoller as cartas dos nenos e nenas ingresados. Así, ademais de entregar un detalle aos máis pequenos, asegúranlles que os seus desexos chegarán directamente ás mans de Papá Noel e os Reis Magos.
Deste xeito, Correos que, desde hai máis de 300 anos, é o operador loxístico do Nadal, seguirá mantendo a ilusión de todos os nenos e nenas, lembrando que hai poucas cousas tan cheas de maxia como escribir unha carta a Papá Noel e aos Reis Magos.