Correos pon en marcha o transporte de mochilas no Camiño a Fisterra e Muxía


Os peregrinos que realicen o Camiño a Fisterra e Muxía desde Santiago neste ano Santo Xacobeo 2021-2022 poderán volver camiñar sen cargar coa súa equipaxe grazas ao Paq Mochila de Correos.

Correos pon ao dispor do peregrino desde hoxe o seu Paq Mochila, o servizo co que transporta as mochilas e maletas dos peregrinos dun aloxamento a outro, nos principais roteiros do Camiño de Santiago.

O peregrino poderá contratar o seu traslado de equipaxes no Camiño Francés desde Roncesvalles e Somport, no Camiño Portugués desde Tui e A Guarda –incluída a Variante Espiritual-, no Camiño do Norte desde Irún, no Camiño Primitivo desde Oviedo, no Camiño Inglés desde Ferrol, no Camiño de Inverno desde Ponferrada, na Vía da Prata-Camiño Sanabrés desde Ourense e no Camiño a Fisterra e Muxía.

O funcionamento do servizo Paq Mochila é moi sinxelo. O carteiro pasará a partir das 8:00 da mañá para recoller a equipaxe dos peregrinos que reserven este servizo no aloxamento indicado e deixarao no seguinte antes das 14:30 horas. Isto permítelle percorrer as diferentes etapas sen necesidade de cargar coa súa equipaxe.

O Paq Mochila pode contratarse na web http://www.paqmochila.com a través dun sinxelo formulario dispoñible en nove idiomas. Ademais, incorpora un sistema de notificacións polo que o peregrino recibirá no seu correo electrónico un aviso de recollida e entrega da equipaxe, permitindo que realice a súa etapa sen preocupacións e libre de cargas.

Servizos de Correos no Camiño de Santiago

Durante este Xacobeo 2021-2022, Correos pon ao dispor de todos os peregrinos unha serie de servizos específicos para resolver as súas necesidades de transporte. Ademais do Paq Mochila, a peregrino conta co Paq Peregrino –envío de maletas e paquetes a calquera punto do Camiño de Santiago- ou o Paq Bicicleta, un servizo de envío de bicicletas ao comezo do roteiro ou de volta ao finalizar o Camiño. Ao chegar a Santiago de Compostela, os peregrinos tamén poden beneficiarse do servizo de consigna que Correos ofrece na oficina de Rúa do Franco, 4, a dous minutos da Praza do Obradoiro.

Toda a información sobre estes e outros servizos de Correos para o Camiño de Santiago está dispoñible na páxina web www.elcaminoconcorreos.com, onde o peregrino tamén poderá atopar onde durmir nun buscador con máis de 4.000 aloxamentos, descrición dos Roteiros Xacobeos máis populares e máis de 300 consellos de que ver e facer no Camiño por parte dos carteiros.