A recta final de execución das obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, fará necesario o corte do tráfico na estrada AC-522 ao seu paso por Agualada, dende este luns 2 de outubro, e ata o día 10 de novembro, en función das condicións meteorolóxicas.
Este peche da circulación é necesario para acometer a ampliación dunha estrutura da vía autonómica sobre o río Calvar, de modo que se poida habilitar un paso peonil seguro e segregado do tráfico nesta parte da senda de Bormoio. Por ese motivo será necesario o corte total nesa zona do río. Para minimizar no posible a afección ao tráfico, habilítase o correspondente desvío pola autovía da Costa da Morte (AG-55), que estará debidamente sinalizado.
Trátase dun itinerario de 560 metros, que vai pola marxe dereita da estrada, unindo Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi.
Neste caso, para garantir a continuidade no paso polo río Calvar faise necesario ampliar a ponte mediante voadizo, para integrar na plataforma o espazo para darlle continuidade á senda nese punto. Esta é a intervención que fai necesario este corte da AC-552, que segundo a evolución das condicións meteorolóxicas, pode verse reducido no tempo.

Plano da zona de corte e desvíos habilitados.