Os avances nas obras correspondentes á campaña de conservación e reforzo de firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo (AG-55) farán necesarios cortes de carril durante toda esta semana.
Trátase dos traballos de rehabilitación superficial e reforzo estrutural localizado en distintos tramos da AG-55. Para minimizar a afección ao tráfico, os cortes limitaranse a un carril, agás, puntualmente, nos ramais.
De acordo coa planificación das obras de conservación sistemática da AG-55, que se iniciaban o pasado luns, as tarefas a desenvolver esta semana centraranse na roza mecanizada de noiros, incluíndo os dos ramais de enlaces. Tamén se realizarán ao longo dun tramo de 3 quilómetros os labores de recrecido de beiravías, así como a reparación da sinalización vertical.
Destacan nesta actuación os traballos na área de peaxe de Bidueira, onde se cambiará o adoquinado por aglomerado para favorecer a comodidade dos usuarios. Aquí os traballos téñense organizado en cuadrantes, cunha división en zonas que persegue minimizar o peche de vías. En todo momento esta zona tamén estará debidamente sinalizada e contará con persoal de sinalización para dirixir o tráfico, se fose necesario.