Cortes de tráfico por obras na avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo


As obras de ampliación que se están a executar na avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, farán necesario un corte diúrno do tráfico esta fin de semana.

O corte comezou este sábado ás 8 horas, quedando restablecido o tráfico ás 20 horas e repetindo o mesmo procedemento durante a xornada do domingo, tratando de evitar así a afección á circulación en días laborables.

Deste xeito, quedará restrinxido o tráfico da avenida da Deputación, entre o enlace que dá acceso de entrada ao Polígono de Sabón-sur e a avenida Embalse.

Para facilitar a mobilidade, este corte estará sinalizado con antelación, así como o itinerario alternativo pola estrada AC-552 a través da avenida da Ponte.

Estes peches de circulación son necesarios para avanzar nas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón que se está acometendo.

Esta actuación, que desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico, conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e prevese o seu remate para o próximo verán.