Cortes puntuais e desvíos de tráfico por obras na estrada AC-552 en Meicende, Arteixo

2 minutes read

As obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-552 en Arteixo fan necesarios cortes puntuais e desvíos de tráfico ao longo desta semana. A intervención nesta estrada autonómica comprende o tramo da vía desde o punto quilométrico 2,1, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, ata a vía de acceso á presa de Meicende, no punto quilométrico 3.

Este luns comezou a realización de voaduras na contorna da glorieta. Para garantir a seguridade nos traballos, foi necesario cortar o tráfico da vía en breves intervalos de tempo, estando dirixida a circulación por sinalistas.
Este martes iniciouse a execución dos recheos da glorieta no punto quilométrico 2,5, o que obriga a desviar o tráfico durante dous días. Este desvío estará previamente sinalizado para facilitar a mobilidade.
Na madrugada do domingo comezaron os traballos de aglomerado, executando bacheos do tronco, sobreanchos, vías de servizo e aglomerado na glorieta do punto quilométrico 2,5, que se prevé que estará en servizo este mesmo venres día 18.
Estas adaptacións do tráfico son precisas para seguir avanzando nesta intervención que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a mediados de abril para eliminar o treito de concentración de accidentes nesta área.
Os traballos, que suporán un investimento autonómico de máis de 2 millóns de euros, están a avanzar a bo ritmo e teñen un prazo de execución de 12 meses.

A estrada AC-552 ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2,5 e 2,8, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá, ademais, para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.
O proxecto tamén prevé a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo existente.