A Coruña | A nova aplicación Millennium Próxima permite aboar o bus urbano co teléfono móbil

Cedida.

A aplicación Millennium Próxima xa está operativa, segundo avanzou a alcaldesa, Inés Rey, que, a bordo dun bus urbano en Porta Real, amosou os detalles do programa. A alcaldesa, acompañada polo voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, e polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, probou a nova aplicación nun vehículo ao que tamén subiu o director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prada.

A nova aplicación é totalmente gratuíta e moi fácil de empregar. Calquera usuario pode descargala a través de Play Store e darse de alta na tarifa xeral sen facer ningún trámite. Só os perfís con bonificacións especiais deberán acudir á estación de autobuses, sen concertar cita previa, para darse de alta neses perfís. Quen non teña ningún sistema de bloqueo da pantalla deberá activalo, xa que así o require por seguridade a aplicación, ao tratarse dun método de pagamento. O Concello reforzará a información sobre o novo servicio a través das oficinas dos rexistros, do 010 e na propia estación, e tamén porá en marcha unha campaña divulgativa con códigos QR para que calquera poida descargar o programa do xeito máis sinxelo.