Coruña | Comezan as melloras na rede de saneamento no barrio da Zapateira


O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, comezou os traballos de mellora na rede de saneamento no barrio da Zapateira, unha intervención que abrangue cinco rúas (Amberes, Marsella, Salzburgo, Roma e Torino) e está sufragada con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña e tamén con fondos municipais. Estas catro obras darán continuidade aos traballos xa acometidos polo Goberno municipal de Inés Rey en outras cinco rúas do barrio da Zapateira entre os anos 2020 e 2021, cando a Concellería de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade executou intervencións similares nas rúas Dublín, Atenas, Burdeos, Venecia e Helsinki, cun investimento de 650.000 euros. Así, o barrio da Zapateira recibiu no actual mandato o maior investimento en saneamento en décadas.