“Coruña orgullosa 2020”: fotografía, cine e música en directo ata finais de xullo

Presentación programa Coruña Orgullosa 2020_Concello

  • Poderanse ver películas queer e asistir a coloquios sobre a realidade dos distintos colectivos de LGTBIQ+

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentou este venres o programa Coruña Orgullosa 2020, que contará con citas “interesantes e variadas”, agrupadas baixo o lema “Deixémenos querer” e que estarán marcadas polas normas ditadas polas autoridades competentes en materia sanitaria.

Coa colaboración de distintos colectivos de LGTBIQ+ da Coruña e a súa contorna, a programación estenderase ata o 31 de xullo cunha atención especial ás mulleres LBT, que xogan un papel central nun ano en que o lema elixido pola Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais foi “Mulleres LBT: Sororidade e Feminismo”. Desde xa poderase ver no Obelisco a exposición fotográfica “Pedras”, en que se retratan mulleres lesbianas, nunha especie de homenaxe ás maiores que sufriron lesbofobia na súa vida e que loitaron contra ela.

A concelleira explicou que haberá cine queer cun ciclo de tres sesións os xoves 9, 16 e 23 de xullo, ás 22.00 horas, no claustro da Fundación Luis Seoane e, ademais, o venres 10, ás 18.00 horas, Benestar Social organizará a charla da Rede Educativa LGTBIQ+ de Galicia. “Diversidade LGTBI+: Un reto educativo”, na sala Museo Casares Quiroga, para seguir nesa xornada con música no Castelo de San Antón co concerto Coruña Orgullosa 2020, en que actuarán a partir das 21.30 horas Marian Ledesma, o Coro Cantabile e Guadi Galego.

Para os eventos que requiran un control da capacidade, que son todos menos a mostra fotográfica, haberá que solicitar unha invitación a través da páxina web do Servizo de Igualdade.