- Poderanse ver películas queer e asistir a coloquios sobre a realidade dos distintos colectivos de LGTBIQ+
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentou este venres o programa Coruña Orgullosa 2020, que contará con citas «interesantes e variadas», agrupadas baixo o lema «Deixémenos querer» e que estarán marcadas polas normas ditadas polas autoridades competentes en materia sanitaria.
Coa colaboración de distintos colectivos de LGTBIQ+ da Coruña e a súa contorna, a programación estenderase ata o 31 de xullo cunha atención especial ás mulleres LBT, que xogan un papel central nun ano en que o lema elixido pola Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais foi «Mulleres LBT: Sororidade e Feminismo». Desde xa poderase ver no Obelisco a exposición fotográfica «Pedras», en que se retratan mulleres lesbianas, nunha especie de homenaxe ás maiores que sufriron lesbofobia na súa vida e que loitaron contra ela.
A concelleira explicou que haberá cine queer cun ciclo de tres sesións os xoves 9, 16 e 23 de xullo, ás 22.00 horas, no claustro da Fundación Luis Seoane e, ademais, o venres 10, ás 18.00 horas, Benestar Social organizará a charla da Rede Educativa LGTBIQ+ de Galicia. «Diversidade LGTBI+: Un reto educativo», na sala Museo Casares Quiroga, para seguir nesa xornada con música no Castelo de San Antón co concerto Coruña Orgullosa 2020, en que actuarán a partir das 21.30 horas Marian Ledesma, o Coro Cantabile e Guadi Galego.
Para os eventos que requiran un control da capacidade, que son todos menos a mostra fotográfica, haberá que solicitar unha invitación a través da páxina web do Servizo de Igualdade.