Coruña | ‘Recuncho do Xogo’ para a conciliación durante a Semana Santa


O Concello da Coruña pon en marcha o programa ‘Recuncho do Xogo’ para favorecer a conciliación familiar durante as vacacións escolares de Semana Santa.

O vindeiro luns, día 20 de marzo, ábrese o prazo de inscrición para o programa municipal ‘Recuncho do Xogo’, que abrangue as actividades infantís gratuítas que ofrecerán os centros cívicos da cidade os días 3, 4 e 5 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. As persoas interesadas poderán inscribirse entre o luns 20 e o mércores 29 de marzo, ambos os dous días incluídos, no centro cívico onde se solicite a praza, no horario habitual de atención ao público. As prazas ofertadas son limitadas e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición (A Silva, Feáns, Visma, Sagrada Familia, Santa Lucía, Pescadores, Monte Alto, Labañou, Novoboandanza, Castrillón, Os Mallos, Novo Mesoiro, Cidade Vella, Eirís, Elviña, San Diego, Palavea, Os Rosales, Artesáns e Monelos).

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, sinalou que este programa, que se ofrece en 20 centros cívicos coruñeses, busca favorecer a conciliación familiar no contexto vacacional. “En 14 dos centros vanse ofrecer dous horarios: o xeral, de 10.00 a 13.30 horas, e o ampliado, de 9.00 a 14.30 horas, co fin de adaptarnos ás necesidades das nais e pais”, apuntou Neira.

Os tres días de actividades do programa municipal ‘Recuncho do Xogo’ xirarán arredor da astronomía e as estrelas, a través de obradoiros, xogos e dinámicas grupais.