Despois das accións informativas e de difusión levadas a cabo nos meses pasados, que contribuíron a que teña na actualidade xa decenas de empresas adheridas, Terra Atlántica abría con este evento simbolicamente a porta ao mundo.
O acto tivo lugar no Faro Vilán, dando comezo ás 12h. Nel contouse coas intervencións de Olga Campos, Presidenta da Asociación de Empresarios de Camariñas; Manuel Muíño, Presidente do GDR Costa da Morte; Encarna Liñeiro, Concelleira de Cultura de Camariñas; Javier Blanco, Subdirector de
Relacións cos GDRs de AGADER; ademais de representantes da entidade encargada da comunicación da marca. Na presentación participaron tamén a maioría das empresas que xa forman parte de Terra Atlántica ou que están actualmente en proceso de adhesión, ademais de público con interese en saber máis sobre este novo proxecto. O evento comezou coa perspectiva empresarial, a cargo de Olga Campos, que falou da importancia
da iniciativa para as compañías da Costa da Morte.
A seguir, o presidente da entidade impulsora, Manuel Muíño explicaba o proceso de creación e desenvolvemento da marca. Encarna Liñeiro, como representante do concello anfitrión, e Javier Blanco, en nome de AGADER, ofreceron o punto de vista das institucións que apoian Terra Atlántica, sinalando o papel de visibilización que ten este proxecto para a zona, e a vocación de continuidade. Finalmente, os encargados da comunicación da marca explicaron as accións que se están levando a cabo e que están previstas para promocionala, e amosaron o vídeo que se creou para apoiar esa tarefa de difusión.
Impulsada polo GDR Costa da Morte, esta iniciativa para a creación dunha marca territorio busca consolidar e potenciar a identidade da zona, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo uns parámetros de calidade e valor diferencial. Terra Atlántica pretende distinguir, visibilizar e consolidar no mercado os produtos e servizos de empresas da Costa da Morte.
