- Case toda a comarca se sitúa no nivel de restricións medio-alto
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este venres que se relaxan as restricións en varios concellos, mentres que noutros se elevan. É caso de Camariñas e Zas, que desde hoxe completarán un peche perimetral conxunto con Vimianzo. Isto significa que os establecementos hostaleiros deberán pechar as súas portas ás 17:00 horas, mentres que o aforo no interior será do 30% e do 50% no exterior. Ademais, como na maioría das localidades da Costa da Morte, as reunións poderán ser entre non conviventes pero non deberán superar ás 4 persoas.
Son medidas adoptadas despois da reunión entre o comité e subcomité de expertos da Xunta de Galicia, e que entrarán en vigor na medianoite deste venres. Nesa xuntanza tamén se decidiu aliviar as normas en varias localidades, como é o caso de A Laracha, Cabana e Malpica, que entran no nivel de restricións máis baixo.
Comproba aquí en que nivel se atopa o teu concello:
Nivel de restricións básico. A apertura da hostalería será do 50% de aforo no interior e 75% no exterior, ata as 23:00 horas, e cun máximo de 6 persoas conviventes ou non. Neste nivel están Fisterra, A Laracha, Malpica e Cabana.
Nivel de restricións medio. A apertura da hostalería farase cun 40% de aforo no interior e 50% no exterior, ata as 23:00 horas e cunha agrupación máxima de 6 persoas conviventes ou non. Nesta situación atópase Laxe (peche perimetral individual).
Nivel de restricións medio-alto. A apertura da hostalería realizarase cun 30% de aforo no interior e un 50% no exterior, ata as 17:00 horas e cunha agrupación máxima de 4 persoas conviventes ou non conviventes. Neste nivel están Cee, Muxía, Dumbría, Vimianzo, Camariñas, Zas, Coristanco e Ponteceso.
Nivel de restricións máximo. A hostalería só poderá abrir as terrazas ao 50 %, ata as 17:00 horas e cunha agrupación máxima de 4 persoas conviventes ou non. Aquí atópase Carballo.