Nas últimas horas faleceron cinco persoas que foron diagnosticadas por coronavirus nos hospitais galegos. Son unha muller de 66 anos e un varón de 73 que estaban ingresados no CHUAC; unha muller de 84 anos que estaba ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee; un varón de 75 anos que estaba ingresado no HULA; e unha muller de 93 anos que estaba ingresada no CHUO. Todos eles tiñan patoloxías previas a excepción da falecida no CHUAC, segundo informou o Sergas.
Este mércores comunicáronse 16 mortes (11 en hospitais e cinco en residencias), o que supón un incremento respecto das 14 do martes e as nove do luns. Con estas últimas mortes, o balance de vítimas mortais é de 402, deles 310 faleceron nos hospitais e 92 nas residencias.
Rexistráronse 93 falecidos en hospitais da área sanitaria da Coruña, 63 na área de Vigo, 59 mortes na área de Ourense, 42 falecidos na área sanitaria de Santiago, 20 en Ferrol, outros 21 en Lugo e 12 falecidos na área de Pontevedra. A esta cifra hai que sumar os 92 falecidos en residencias de maiores desde que se iniciou a pandemia. Deste colectivo, as últimas mortes notificadas este mércores son os 2 usuarios do centro DomusVi San Lázaro, de Santiago de Compostela; un da residencia DomusVi de Cangas; outro da residencia DomusVi Matogrande (A Coruña); e outro na residencia de Foz (Lugo).