COVID-19 Galicia: 349 persoas falecidas

1 minutes read

A Consellería de Sanidade informou do falecemento de trece persoas en Galicia este sábado que foran diagnosticadas de COVID-19. Outra vez o virus volveu ter unha especial incidencia nos maiores de 80 anos, principal grupo de risco. 

O Chuvi rexistrou o falecemento de catro mulleres de 86, 82, 83 e 97 anos. Na área de Vigo houbo que engadir unha vítima máis de 94 anos e que estaba ingresada en Povisa. No Complexo da Coruña faleceron un varón de 57 anos e outro de 79. Tamén houbo dúas defuncións no hospital de Ourense, igualmente dous homes, de 84 e 97 anos; e en Santiago faleceron unha muller de 90 anos ingresada no CHUS e un home de 84 que estaba na Rosaleda. Os outros dous mortos producíronse no hospital do Barbanza (un home de 97 anos) e no hospital de Valdeorras (unha muller de 87 anos). Segundo o Sergas, todos eles tiñan patoloxías previas.

Galicia rexistra un total de 5.747 casos infectados por coronavirus. Por áreas sanitarias 1.169 son da Coruña, 592 da de Lugo, 1.129 da de Ourense, 483 da de Pontevedra, 1.085 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 326 da de Ferrol. É chamativo o caso de Ourense que sobe a un ritmo elevado (+47) e está a piques de superar a área da Coruña.