COVID-19 Galicia: 6.891 casos confirmados e 533 falecidos

Foto Coronavirus_Arquivo

Doce persoas morreron en Galicia por coronavirus no último intervalo de 24 horas rexistrado polo Sergas, de xeito que a cifra oficial de falecementos sobe a 533 vítimas. Delas, dúas son usuarios de residencias.

O número de contaxios activos ascende a 6.891, con 35 casos máis ca no reconto anterior, un incremento moi similar ao da xornada anterior.

Por áreas sanitarias, segue sendo A Coruña a que concentra maior número de novos contaxios, practicamente a metade.

O número de pacientes en UCI mantense tamén practicamente igual, cun descenso de dúas persoas para situarse en 83. Con todo, en unidades de hospitalización medra en 17 o número de pacientes, ata os 507. A maior parte dos contaxiados, 6.301 persoas, están no seu domicilio. Ata o de agora,1.816 persoas foron dadas de alta, 13 nas últimas 24 horas. O número de PCR realizadas é de 87.824.