A información oficial do Sergas sobre a pandemia de coronavirus en Galicia modificouse este mércores drasticamente ao deixar de incluír na cifra de pacientes activos as altas domiciliarias. Deste xeito, o número de casos activos en Galicia redúcese drasticamente, case á metade, e pasa dos 6.947 casos de onte aos 3.526 que se contabilizan hoxe. Ademais, o número de curados increméntase ata as 5.393 persoas (cando onte só se contabilizaban as altas hospitalarias de 1.841).
O xerente do Servizo Galego de Saúde, xustifica os cambios «para adaptarnos ás modificacións planteadas polo Ministerio de Sanidade». Deste xeito, á cifra de altas hospitalarias que se facilitaba ata agora súmase o dato de pacientes que non estaban hospitalizados e que se consideran curados, pero que a Xunta incluía, ata agora, na relación de contaxiados. Nas últimas 24 horas houbo sete falecementos, que sitúan a cifra total acumulada en 547 mortes.