Creada unha plataforma dixital de núcleos rurais en estado de abandono


Trátase dunha unha ferramenta novidosa prevista na Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas para loitar contra o despoboamento e reactivar estas zonas da Comunidade. A plataforma, polo momento, tan só ofrece información relativa a inmobles localizados en Sober, o concello escollido para realizar a experiencia piloto de lanzamento, na que estivo presente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Para estender esta proba piloto ao resto de Galicia, a responsable autonómica incidiu en que se necesita do apoio e da cooperación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), dos administradores de fincas e do sector inmobiliario.

A plataforma está aberta á participación dos concellos, que poden incorporar información sobre as zonas e lugares en situación de abandono que hai nos seus respectivos termos municipais; aos particulares con inmobles neste tipo de núcleos, que poden aproveitala para sacar ao mercado as súas propiedades; e tamén ás persoas interesadas en mercar ou alugar inmobles nun entorno rural. En definitiva, o obxectivo da iniciativa é mobilizar por toda Galicia inmobles e núcleos abandonados, total ou parcialmente, para darlles unha segunda vida e atraer á xente a vivir no medio rural e rodeada de natureza, unha alternativa que a raíz da covid conta cada vez con maior aceptación e demanda.