Creadas dez novas prazas de atención a persoas con trastorno dual en de Castro de Rei


A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou nunha visita ao complexo asistencial de Castro de Rei a creación de dez novas prazas de atención a persoas con trastorno dual por un importe de 230.000 euros anuais. Esta é a primeira unidade de atención dual, un servizo que atende a persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental, da provincia de Lugo.

Fabiola García subliñou a importancia da creación destas novas prazas, dunha tipoloxía moi específica, xa que requiren de moitos medios técnicos e de persoal altamente cualificado en disciplinas como a psiquiatría, a fisioterapia, a psicoloxía ou a terapia ocupacional, entre outras.

Neste sentido, destacou que con esta decisión se está a dar resposta a unha demanda no eido da atención á discapacidade. Deste xeito, o investimento achegado polo Goberno galego permite incrementar nun 10% as prazas de atención a persoas con trastorno dual en Galicia ata chegar ás 110.