As obras de embelecemento no Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso polo muncipio de Ames supuxeron a recuperación e posta en valor da ponte romana de Augapesada e da súa contorna, un recurso turístico declarado BIC no que se investiron algo máis de 24.000 euros. O Concello de Ames foi un dos 31 municipios que se beneficiaron da liña de axudas do Goberno galego para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopan na contorna do Camiño de Santiago na convocatoria do ano pasado, aos que se suman 56 particulares, o que permitiu executar actuacións en todos os interarios e nas catro provincias galegas.
No caso do Concello de Ames, os traballos consistiron na limpeza, retranqueo e recuperación da ponte romana de Augapesada, acondicionamento do cauce de auga, renovación de mobiliario coa instalación dun banco de pedra e instalación de iluminación atendendo a criterios de eficiencia enerxética co obxectivo de realzar a ponte.
O conxunto dos traballos, segundo destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, permitiu recuperar un recurso turístico de primeira orde e mellorar o atractivo do Camiño Fisterra-Muxía neste punto, un Camiño que o ano pasado percorreron algo máis de 800 peregrinos que recolleron a Compostela, aos que se suman moitos outros que seguen camiñando despois de chegar á tumba do Apóstolo, ben en dirección á Fisterra ou ben cara o Santuario da Virxe da Barca.
27