OTAN e Unión Europea anuncian un «grupo de traballo conxunto» destinado a reforzar a protección das infraestruturas críticas fronte ás ameazas de Rusia.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, era a encargada de anuncialo xunto ao secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg, en Bruxelas.
«A sabotaxe do Nord Stream demostrou que temos que estar preparados e que temos que facer fronte a este novo tipo de ameazas», dicía Von der Leyen. «Por iso hoxe lanzamos un grupo de traballo Unión Europea-OTAN para infraestruturas críticas resilientes».
A finais de setembro descubríanse catro grandes fugas de gas nos dous gasodutos Nord Stream, fronte á illa danesa de Bornholm. Un grave incidente tras o cal a OTAN decidiu reforzar os seus despregamentos navais na rexión.
Expertos de ambos os equipos traballarán conxuntamente para identificar as principais ameazas ás infraestruturas críticas europeas. OTAN e Unión Europea, que comparten un total de 21 membros, veñen de asinar un compromiso de cooperación para levar a súa asociación ao «seguinte nivel».