- As persoas deberán acudir no seu vehículo á carpa que está situada detrás do centro de saúde
A Consellería de Sanidade comeza un cribado masivo en Muxía tras unha petición expresa do alcalde, Iago Toba, despois da subida de positivos nos últimos días que, segundo datos oficiais, este martes alcanzaba os 20. O rexedor espera que con estas probas se poida “atallar en tempo e forma” esta problemática, que semella que comezou cun positivo no colexio Virxe da Barca.
Detrás do centro médico hai instalada unha carpa para que as persoas que acudan a facer a proba o fagan no seu vehículo, e así axilizar o proceso. Faránselle probas tanto ao alumnado, como profesorado e familias do colexio en cuestión, así como a traballadores municipais por motivos de prevención.
Desde o goberno local incrementáronse as tarefas de desinfección nos lugares máis sensibles do municipio, e insístese tamén na necesidade de “seguir en todo momento as recomendacións sanitarias”, pois son “as nosas mellores aliadas”, destacan desde o executivo.