Crise do PP | Casado non dimitirá ata o Congreso de abril, ao que se compromete a non concorrer

Pablo Casado seguirá de presidente do Partido Popular ata a celebración do próximo Congreso Extraordinario, ao que non concorrerá, e que se celebrará os días 2 e 3 de abril. Así se acordou nunha reunión de máis de catro horas da Xunta Directiva do Partido Popular en Xénova, na que non se materializou a dimisión de Casado a pesar da petición da maioría dos baróns. Alberto Núñez Feijóo, levantado pola maioría deles, deu un paso á fronte asegurando estar «en disposición de tomar as rendas» do Partido Popular, pero emprazou o seu futuro liderado á fronte do partido ao apoio dos militantes no Congreso Extraordinario que se celebrará, como dicimos, a principios do mes de abril. A proposta de Casado, Cuca Gamarra será coordinadora xeral do partido ata a celebración do Congreso. E Esteban González Pons-moi próximo Feijóo- será o presidente do comité organizador do congreso, e que este teña polo menos un membro de cada organización territorial.

Texto completo do comunicado emitido polo PP tras a reunión do presidente do partido, Pablo Casado, cos líderes autonómicos:

«O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, trasladou hoxe aos presidentes autonómicos desta formación a súa decisión de non concorrer ao próximo Congreso Nacional, que será convocado na Xunta Directiva que se celebrará o vindeiro martes día 1 de marzo.

No transcurso do encontro de hoxe, adoptáronse varias decisións por unanimidade. En primeiro lugar, solicitouse ao presidente nacional que continúe no seu cargo ata o Congreso extraordinario e urxente, que propoñerán á Xunta Directiva Nacional celebrar os días 2 e 3 de abril.

A proposta do presidente nacional do PP, aceptada igualmente de forma unánime, adoptouse tamén a decisión de nomear coordinadora xeral do partido ata a celebración do congreso á portavoz do Grupo Parlamentario no Congreso dos Deputados, Cuca Gamarra Ruiz-Clavijo.

Así mesmo, propoñerase á Xunta Directiva que Esteban González Pons sexa o presidente do Comité Organizador do Congreso, e que este quede composto por polo menos un membro designado por cada organización territorial».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha