- O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegura que a súa prioridade é «devolver a normalidade a Ceuta»
O problema da crise migratoria volveu a España despois de que nas últimas horas máis de 6.000 inmigrantes, a maioría deles de orixe marroquí, chegasen a Ceuta de forma ilegal. Moitos fixérono bordeando a pé os espigóns fronteirizos con Marrocos, aínda que outros emprenderon a fuxida a nado, falecendo un home afogado. Segundo o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, 1.500 inmigrantes foron devoltos e foi necesario despregar ao Exército de Terra. Os militares patrullan conxuntamente coa Policía e a Garda Civil.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, sinalou que a súa prioridade «é devolver a normalidade a Ceuta», asegurando que se garantirá a orde pública «baixo calquera circunstancia». Fíxoo durante unha comparecencia tras a reunión do Consello de Ministros, aínda que nin el nin ningún dos que conforman o Executivo vinculou esta crise sen precedentes no noso país coa acollida do líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, nun hospital español tras dar positivo en Covid-19.
Segundo recolle o portal Euronews, a comisaria europea de Interior, Ylva Johansson, lembrou a Marrocos que «as fronteiras españolas son fronteiras europeas», e sinalou que «é preocupante que polo menos 6.000 persoas, un gran número delas nenos, chegasen a nado a Ceuta, poñendo a súa vida en perigo».
O mesmo facía o vicepresidente da Comisión Europea e comisario de Promoción do Modo de Vida Europeo Margaritus Schinas, mostrando a súa solidariedade con España.