A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, visitou dúas das actuacións acometidas nese municipio con financiamento do Plan Único (POS). A primeira delas, aínda en execución, foi a humanización da avenida de Erbecedo (DP-1912) e mellora de varias beirarrúas no núcleo de San Roque, obra incluída no Plan Único de 2024 e adxudicada por case 400.000 euros.
Os traballos están practicamente certificados na súa totalidade e céntranse nun tramo da vía DP-1912, onde se está a ampliar o ancho das beirarrúas para a súa adaptación á normativa de accesibilidade, así como na incorporación de arborado. A intervención inclúe tamén a separación das redes de pluviais e fecais, a renovación da rede de abastecemento e a mellora da iluminación pública.
Na súa visita, a deputada destacou que, desde o ano 2017, o Concello de Coristanco recibiu do Plan Único da Deputación da Coruña case 11,5 millóns de euros, dos cales algo máis de 2,25 foron no exercicio 2025. Neste total inclúese a primeira entrega do POS do 2026, de case 1,14 millóns, cifra que se incrementará co POS adicional.
Cristina García Rey, reuniuse este luns co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose.
Outras actuacións visitadas en Coristanco
García Rey coñeceu tamén o estado final doutra das actuacións xa rematadas con cargo ao POS 2024, a da senda peonil no lugar da Cuca (Rececinde), adxudicada por 175 000 euros e executada ao longo da estrada DP-2901, que conecta a parroquia de Cereo co núcleo de Coristanco e que permitiu completar o itinerario dos viandantes.
O mal tempo obrigou a a aprazar a visita a unha terceira obra custeada polo POS de 2024, a de adecuación e mellora da estación depuradora de augas residuais de Conles, rematada en outubro de 2024 cun investimento de algo máis de 141 000 euros. A actuación permitiu modernizar unha infraestrutura construída en 2005, situada na parroquia de Traba, con capacidade para tratar uns 30 metros cúbicos de augas residuais correspondentes a preto de 600 veciños e veciñas, e supuxo a eliminación dun punto de vertido no rego da Balsa.
As obras visitadas forman parte do conxunto de investimentos que a Deputación da Coruña vén executando en Coristanco a través do Plan Único, orientados á mellora da accesibilidade, das infraestruturas básicas e da calidade de vida das veciñas e veciños. «Estamos a falar», explicou a titular de Plans Provinciais, «dun instrumento que non só financia obras, senón que impulsa servizos básicos, moderniza infraestruturas e reforza a cohesión territorial da provincia. Sen el, moitas actuacións simplemente non serían posíbeis».
Para García Rey, «o Plan Único demostrou que cando a administración provincial colabora cos concellos desde a escoita e o respecto ás súas necesidades reais, os resultados chegan máis rápido e con maior impacto social». «Pero sempre», rematou, «preservando a autonomía local, pois son os concellos os os que deciden o destino dos fondos do POS».