Cuadrillas medioambientais da Laracha interveñen na área verde xunto ao polígono

Cedida.

O Concello conforma anualmente as cuadrillas municipais de obras e servizos para acometer diversas actuacións en espazos públicos, principalmente centradas en tarefas relacionadas coa conservación de entornos medioambientais.

Nestes momentos o punto principal de intervención é o extenso espazo de protección ambiental que está integrado no ámbito do parque empresarial e que se sitúa contiguo ao río Vilán, na parte sur da zona industrial e xunto ás estradas que comunican O Cancelo (parroquia de Cabovilaño) coa parroquia de Lendo e co núcleo de Arén.

Todos os anos en torno a estas datas o Concello acomete os traballos oportunos de mantemento, limpeza, acondicionamento e conservación deste singular espazo natural público que está a disposición da cidadanía para o seu uso e desfrute. Trátase da área verde máis ampla do municipio que alcanza as 4,5 hectáreas e presenta unha destacada riqueza medioambiental ao contar cunha densa vexetación arbórea autóctona.

As cuadrillas municipais que prestan servizo desde primeiros de xuño están formadas por nove persoas incorporadas polo Concello por un período de seis meses no marco do Plan de Emprego Local (PEL) 2022 da Deputación da Coruña.

Outros puntos de intervención nos que interviñeron nas últimas semanas realizando as correspondentes limpezas e adecuación dos espazos verdes son o entorno do río Anllóns ao longo do paseo fluvial, o Castro de Montes Claros, o miradoiro do coto de San Marta e os entornos das igrexas parroquiais.