Cuarta vitoria dun Obra que segue de doce

3 minutes read

Nova vitoria Obradoirista e van catro, nos cinco partidos disputados no seu particular espectacular arranque de tempada na liga Endesa.

Vitoria por 85-76 ante un GBC Guipuzkoa que nunca se rendeu, pero que acabou dobrando o xeonllo, o pasado sábado ás 20:45 horas, no parquet dun Fontes de Sar sen público por causa da covid19.

Arrincaba o conxunto local con forza e entrega, traballando cada posesión para levar o premio da canastra. O sempiterno Birutis, outra vez mvp (20 puntos, 6 rebotes, 3 tapóns e 27 de valoración) dominou a pintura e gañou claramente a pelexa particular cos pivotes visitantes Okouo e Echenique. Sobre todo, este último, era quen marcaba a folla de roteiro táctico galega. Ataque sobre o colombiano quen, con apenas 2 minutos en pista xa tiña 2 faltas persoais no seu marcador, facendo a tarefa de dominio do xogo interior, un pouco máis sinxela. Como non podía ser doutra maneira, Beliauskas (10 puntos, 3 rebotes, 1 asistencia e 7 de valoración) acompañaba ao seu compatriota con canastras, poñendo en marcha a maquinaria lituana e facendo funcionar a súa especial conexión, neste primeiro cuarto. 8-0 no minuto 3, para continuar 15-3 no minuto 6.

Cambio sorprendente e repentino da totalidade do exhausto quinteto santiagués, que parou un pouco o caudal anotador local e finiquitou o cuarto cun 22-12. Ben puido ser peor para os donostiarras con 5 perdas de balón por 2 obradoiristas, xunto cun paupérrimo porcentaxe en tiros de campo con 4 acertos de 16 intentos neste arranque.

O segundo cuarto xa non foi tan bo para Obradoiro. Baixaba as súas porcentaxes mentres que os de Marcelo Nicola non lle perdían a cara ao partido, aumentando a súa intensidade. Aos de Santiago salváballes os lanzamentos de 3 que minimizaban os erros no resto de tiros, e tamén nas perdas, que agora se acosaban aos composteláns, no correrúas no que se estaba convertendo o encontro. Finalizaba o segundo cuarto 42-35, e os dous conxuntos camiño de vestiarios.

Tras o descanso emerxeu a figura dun “enorme” Czerapowicz (10 puntos, 8 rebotes e 2 asistencias, para asinar 16 unidades de valoración), quen anotaba, reboteaba, defendía, multiplicando as súas prestacións e facendo boa tanto o labor de “ basket control” de Pepe Pozas como o caudal anotador de Birutis. Álex Suárez (11 puntos con 3/3 en triplos e 14 de valoración) tamén se unía á festa desde a liña de 6,75 e Robertson, entraba por fin no partido. Máxima diferenza do encontro neste cuarto con 18 puntos e pechábase o cuarto cun case definitivo 69-53.

A pesar de todo, GBC non se rendeu e seguiu porfiando tratando de poñerse a menos de 10 puntos e poder entrar en partido. Achegouse 71-59 no minuto 32 e seguíano tentando, mercé, sobre todo a certa relaxación compostelá. Robertson poñía a puntilla no minuto 39 cun triplo, establecendo a diferenza en 13 puntos, 85-72 no minuto 39. Aínda así, o coach local incitaba a seguir, coñecedor da importancia que pode ter no futuro o average entre equipos da “mesma liga”. Pepe Pozas erraba o último lanzamento e a diferenza de 9 puntos sinalaba o final do partido, 85-76.

Apuntaba Moncho Fernández a importancia desta vitoria, cimentada no esforzo, loita e entrega ante un equipo que nunca lle perdeu a cara ao partido. Destacando como fundamental o dominio do rebote (38 por 23), materia que traiamos pendente de Bilbao xunto coa redución de perdas de balón.

Cuarta vitoria Obradoirista, 3 de 3 como local e 2 saídas con outra vitoria e unha única derrota en Bilbao. Coa importancia engadida de que foron ante os equipos chamados a pelexar co Obra polos mesmos obxectivos: permanencia e ilusión por ser quen dea a badalada este ano. Próximo partido se a covid19 permíteo, martes 20 de outubro na capital de España ante o todopoderoso Real Madrid. Quen sabe, quizais chegou a hora de subirse ás barbas dun grande.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO