Culleredo | Buscan a declaración de Ben de Interese Cultural da antiga fábrica La Cros

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, para informarlle de todo o procedemento administrativo para unha posible declaración de Ben de Interese Cultural da antiga fábrica La Cros. Un proceso moi longo e complexo, dado que implica acadar a maior distinción administrativa que se lle pode outorgar a un ben porque permite protexelo e ofrecerlle un trato especial, xa que establece automaticamente unha serie de medidas encamiñadas á súa protección e conservación.

Este procedemento ten que superar o primeiro paso máis importante que é a incoación administrativa do expediente para a denegación ou aprobación da solicitude do BIC, tanto nun caso coma noutro deberá estar suficientemente xustificado e a solicitude terá que resolverse aos seis meses desde a presentación da documentación na Xunta.

O delegado explicou que de superar este primeiro trámite publicaríase no DOG a resolución positiva e abriríase un prazo de exposición pública dun mes. A incoación positiva implica a aplicación provisional ao ben do mesmo réxime de protección do BIC e supón a suspensións das licenzas municipais nas zonas afectadas así como os efectos das concedidas polo Concello excepto as de mantemento e conservación. En caso de urxencia a concesión de licenzas municipais implicaría sempre a autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O expediente de declaración BIC deberá contar con informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de polo menos dúas institucións consultivas (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Instituto de Estudos Padre Sarmiento ou das Universidades). O prazo para a declaración é de 24 meses desde a resolución da incoación. No caso de declararse BIC, aclarou o delegado, «a concesión de licenzas ou a execución das xa concedidas precisará da autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha