Culleredo executará en breve o saneamento e ampliación da DP-0510, de Confurco a Orro

1 minutes read
  • O convenio entre a institución provincial e o Concello para levar a cabo as obras foi aprobado este venres en pleno.

A sesión plenaria ordinaria da Deputación da Coruña celebrada este venres, serviu para aprobar o convenio de cooperación entre a institución provincial e o Concello de Culleredo para executar simultaneamente as obras de saneamento e ampliación da estrada DP-0510, que enlaza o núcleo de Confurco, en Culleredo, con Orro.

A Deputación xa aprobara en pleno o proxecto de ensanche, mellora da estrada e construción dunha senda na DP-0510 e o Concello de Culleredo, debido á falta de saneamento da área pola que transcorre a vía, encargou pola súa parte un proxecto para executar o servizo de saneamento no que se contempla a execución dos colectores baixo a cuneta da estrada provincial, aloxando os rexistros no arcén.

Así, para optimizar custos, simplificar a execución e reducir os tempos de remate das obras, a Deputación e o Concello deciden formalizar este convenio para coordinar as súas actuacións, facéndose cargo o Concello de Culleredo da obra de saneamento, valorada en 141.275,24 euros, e a institución provincial dos traballos de ensanche e mellora da estrada, que contan cun orzamento de 1.215.705 euros.