Culminado con éxito o proceso de liberación do segundo dividendo dixital

TDT

A Comunidade galega rematou os traballos técnicos para deixar libres as frecuencias incluídas no denominado segundo dividendo dixital. Este xoves procedeuse ao apagado dos centros emisores da rede de telecomunicacións da empresa pública Retegal, para liberar esas frecuencias ocupadas ata agora polas canles da televisión dixital terrestre (TDT).

Este proceso, que se desenvolve a nivel europeo, consiste no desprazamento das canles da TDT a novas frecuencias, co fin de liberar a banda de 700 megahercios do espectro radioeléctrico na que se van despregar as futuras redes de telecomunicacións 5G.

No ámbito da TDT Local tamén están en servizo e adaptadas, dende fai meses, as cabeceiras dos centros emisores de Carballo e Vimianzo, coas novas canles de emisión 37 e 43 respectivamente.