Cultura destaca a capacidade da Ruta Xacobea para dinamizar a economía da Costa da Morte

1 minutes read
  • O conselleiro Román Rodríguez participou no evento ‘Un mar de grazas’ organizado pola asociación Solpor no que participaron preto de 200 profesionais.

No evento Un mar de grazas, foi no que salientou a capacidade da Ruta Xacobea para dinamizar a economía da Costa da Morte e agradeceu o traballo que realizan todos os empresarios ligados ao Camiño de Santiago. Este acto, que reuniu a preto de 200 profesionais para poñer en valor os recursos do Camiño de Fisterra e Muxía, está impulsado pola asociación Solpor co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, o programa do Goberno autonómico para involucrar á cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo.

Á cita, promovida polo presidente da asociación, Jesús Picallo, converteuse nun lugar de encontro para todos os empresarios da Costa da Morte ligados a este itinerario xacobeo e serviu para agradecer o esforzo dos propietarios de aqueles negocios que teñen asentada a súa actividade na Ruta Xacobea.

Incremento da demanda turística

A zona da Costa da Morte vén de rexistrar o pasado verán un comportamento positivo na demanda hoteleira que se traduce nun incremento de máis dun 6% no número de viaxeiros. Ademais, nos meses estivais tamén se experimentou un crecemento no volume de noites que, con preto de 100.000, supón unha variación do 10,5% en relación ao pasado ano.

Este incremento está acompañado polas boas cifras no número de peregrinos. Ao longo deste ano xa se entregaron máis compostelas que no ano 2018. O Camiño de Fisterra e Muxía ocupa un lugar destacado, xa que se estima que catro de cada dez peregrinos que chegan a Santiago de Compostela continúan o seu percorrido cara Fisterra e Muxía.